Información
Neste recadro aparecen os enlaces e respostas das categorÃas e os RSS de cada autor
Carballiño réndese ó cine
LR- O Carballiño acolleu onte a inauguración das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga), que chegan a súa vixesimocuarta edición. O programa ofrece ó longo desta semana un total de 27 proxeccións, que onte foron abertas polos galegos Uxía Blanco e Antón Reixa e a súa película ’Hotel Tívoli’ no Auditorio municipal.
Unha alfombra vermella como a dos ’Óscar’ de Hollywood recibiu na noite de onte as pisadas dos asistentes á inauguración das Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga) na entrada do Auditorio municipal do Carballiño. O alcalde Carlos Montes e a concelleira de Cultura, Inmaculada Ucha, foron os anfitrións do presidente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Fernando Salgado, e dos invitados senlleiros do acto, os galegos Uxía Blanco (actriz e madriña das xornadas), e o director Antón Reixa.
Non faltaron os concelleiros María Xosé Pérez Manuel Amil, Anaiansi Rodríguez e Pilar Caride, nunha cerimonia alumeada por potentes focos no exterior da sala, mentres o pianista carballiñés Alfonso Medela se encargou de armonizar o acto no interior ante unha reducida presenza de público.
Recuperación
A coordenadora do festival, Inmaculada Ucha, repasou os 24 anos de celebración das Xociviga citando a traxectoria de Miguel Anxo Fernández coma un dos seus impulsores dende o xa desaparecido Cine Clube Carballiño, e os seis anos que leva o Concello encargándose da organización. Pola súa banda, Carlos Montes reseñou que ’este é o terceiro certame máis antigo de Galicia o cuarto do Estado, un punto de referencia nuns tempos nos que os cines están a atravesar un mal momento, que penso a industria cinematográfica aínda pode recuperar’.
Coma non podía ser menos, a sesión rematou coa proxección da película ’Hotel Tívoli’, que foi presentada por Uxía Blanco cunha lembranza para persoeiros que pasaron polas Xociviga, coma os directores Chano Piñeiro (xa falecido) e José Luis Cuerda, e o actor José García.
